Este ano que discorre ten unha significación particular e un lugar especial na memoria de calquera revolucionario: cúmprese un século daquel terremoto que, co seu epicentro no afastado Imperio Ruso, acabou conmovendo os cimentos mesmos do mundo moderno. O secular dominio dos tsares, coa súa burocracia e a súa policía –institucións tan aparentemente eternas como febles na súa intimidade–, derrubábase en febreiro (marzo segundo o calendario gregoriano) como un castelo de naipes fronte ao envite das masas revolucionarias. A primeira guerra interimperialista, negro nubeiro que hoxe volve ameazar con tormenta, rematou de enfastiar a un pobo que xa ensaiara a revolución en 1905. Caeu o Imperio; naceu a República. A ditadura dos capitalistas veu a substituír á da nobreza terratenente.
Mais se algo nos ensina o marxismo é, precisamente, que a democracia é só outra forma de ditadura. O seu inseparábel anverso, para sermos máis exactos. Do que se trataba agora, na primavera e o verán de 1917, era precisamente de preparar a destrución da democrática ditadura dos capitalistas e a edificación da Ditadura do Proletariado. Mais, como facelo? Os Soviets tiñan o potencial necesario. O Partido Bolxevique dispuña da conciencia imprescindíbel para desatalo e o convencemento suficiente para facelo. Era un Partido fraguado en décadas de loita ideolóxica (esfera da loita de clases tan allea a vellos e novos revisionistas); probara o seu compromiso internacionalista –repudiando a opresión nacional tanto como cobizaba a confraternización universal do proletariado alén das fronteiras da burguesía–; non se deixara levar polas inercias sindicalistas, tan caras a esa vangarda mediocre e encerrada no seu economicismo. Os Soviets xurdiran espontaneamente, si. Pero mentres ficaban ancorados nesa condición espontánea non puideron facer outra cousa que “entrega(r) voluntariamente o Poder (…) á burguesía” (Lenin). Os bolxeviques sabían que debían conquistar a hexemonía nos Soviets, isto é, facer prevalecer a liña proletaria no seu seo. A isto adicaron todos os seus esforzos nese impasse entre dúas revolucións. A experiencia política da dualidade de poderes demostrou a xusteza da proposta bolxevique, e a súa audacia como verdadeiro movemento revolucionario de vangarda inaugurou unha nova era de esperanza para os explotados e oprimidos do mundo.
Lonxe queda a verdadeira historia da Gran Revolución Socialista de Outubro do mito insurreccionalista no que a converteu o revisionismo. Non foi o devir espontáneo das masas o elemento determinante da segunda Revolución Rusa. Si o foi, en cambio, o actuar subxectivo do Partido de Lenin. Alí onde o oportunista menxevique, ebrio de mecanicismo, quería observar unha ríxida e irreal sucesión de etapas históricas necesarias e predeterminadas, o bolxevique vía só a atmosfera que lle permitiría incendiar deliberadamente a pradeira do vello mundo. Hoxe, igualmente, alí onde o revisionista espera que a revolución chegue da man da crise económica, o comunista consecuente aspira a xerar unha crise revolucionaria de xeito consciente. Mais toda meta reclama un Plan, e o Comunismo require das súas mediacións.
No abril de 1917 Lenin reflexionaba sobre a necesidade de mudar o nome do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia (bolxevique) a Partido Comunista. Había que axeitar a vella forma do Partido ao novo contido histórico que encerraba. Hoxe, o Movemento Comunista debe situar o contido da súa actividade ao nivel esixido pola tradición revolucionaria da que se reclama. Relanzar a Revolución Proletaria Mundial pasa por edificar as súas bases de apoio, é dicir, Estados de Ditadura do Proletariado; tales Estados-Comuna só poderán emerxer como resultado do desenvolvemento de Guerras Populares dirixidas por verdadeiros Partidos Comunistas, que expresen a fusión entre o Socialismo Científico e o Movemento Obreiro, isto é, a ligazón de vangarda e masas nun auténtico movemento revolucionario; e para que esta fusión volva ser posíbel, para reconstituír este íntimo vencello político, debemos cifrar os nosos esforzos neste impasse entre dous ciclos revolucionarios en reconstituír ideoloxicamente o marxismo-leninismo. Isto implica resituar ao comunismo como ideoloxía de avanzada, facéndoo hexemónico na vangarda, e para iso debemos sintetizar teoricamente, en loita de dúas liñas co revisionismo, a experiencia do Ciclo de Outubro. A Gran Revolución Socialista de Outubro constitúe o seu inicio e o seu paradigma. Que mellor lugar polo que continuar?
Viva o centenario da Gran Revolución Socialista de Outubro!
Pola reconstitución ideolóxica e política do comunismo!