Reconstituír o horizonte emancipador do Comunismo


Ao contrario do que agoiraron revisionistas de toda laia, a crise económica non trouxo á palestra a tan agardada “crise revolucionaria” que nacería espontaneamente das propias masas. Nin tampouco se mostrou ningún sinal de que o proletariado revolucionario vaia regresar ao primeiro plano da loita de clases empurrado, como conxecturan as súas consabidas ladaíñas, por esa lexítima espontaneidade resistencial dos oprimidos. Aínda máis, a crise do bloque imperialista occidental, que volveu situar as contradicións interimperialistas en primeiro plano, e a crise da Restauración 2.0, que atopamos no Estado español coa crecente quebra do pacto de clases que conduciu ao réxime de 1978, non reflicten senón o devir dunha loita de clases onde, en ausencia do proletariado revolucionario, son só as fraccións da burguesía as que disputan polo poder. A perda da Revolución Proletaria coma horizonte emancipatorio e o esgotamento do Ciclo de Outubro conleva á desorientación da clase chamada a transformar o mundo. Pero, ao contrario do que sinalan neoesquerdistas e revisionistas varios, este agotamento de dito Ciclo, das súas premisas, non supón a caducidade das tarefas históricas do proletariado, nin do marxismo como a súa ideoloxía.

A chave, nos nosos días, reside nas condicións subxectivas (internas á propia clase), na inexistencia de Revolución Proletaria Mundial e de Partido Comunista, e non ―como determina a xa caduca e economicista teoría do derrubamento que tanto repite o revisionismo― nas condicións obxectivas (externas á propia clase), xa asentadas co imperialismo. Por iso, neste momento de interregno entre dous ciclos, para que a ideoloxía poida ser levada dende fóra ao movemento obreiro ―como sinalou Lenin e a experiencia histórica ratificou―, a vangarda debe acometer primeiro outra tarefa teórico-práctica no seu propio seo: realizar o Balance do Ciclo de Outubro aplicando o marxismo ao propio marxismo, mediante a loita de dúas liñas, reconstituír a ideoloxía proletaria na súa posición de teoría de vangarda; e, ao mesmo tempo e entrelazándose co anterior, desenvolver os vencellos políticos e organizativos para construír unha vangarda revolucionaria.

Só unha vez solventada esta fase, que denominamos reconstitución ideolóxica, poderemos afrontar a tarefa de reconstitución política, de fusión do socialismo científico co movemento obreiro, que dea lugar ao Partido Comunista, o cal non pode comprenderse burocraticamente coma unha organización de vangarda, senón como a fusión dialéctica entre vangarda e masas, o cal implica a transformación de ambos respectos, dando lugar ao suxeito revolucionario. A revolución dos nosos días debe exercerse mediante a guerra civil revolucionaria que constrúa, dirixido polo Partido Comunista e a través do Exército popular, Novo Poder ao seu paso; é dicir, a revolución hoxe só pode levarse a cabo desde a Guerra Popular.

En definitiva, os comunistas consecuentes non poden ignorar durante máis tempo as tarefas históricas que temos por diante. Só poñendo a conciencia revolucionaria ao mando do proceso revolucionario e erguendo, defendendo e aplicando a bandeira da reconstitución ideolóxica e política do comunismo, crearemos as condicións subxectivas para o relanzamento da praxe revolucionaria, para a autotransformación que liberará aos oprimidos de todo o mundo das cadeas vexatorias ás que se ven sometidos pola sociedade de clases.


Pola Reconstitución ideolóxica e política do comunismo!

Contra o capital e as súas crises, pola Revolución Socialista!