Retomar o camiño de Outubro!


O proletariado revolucionario atópase a escasos días de revivir a súa xornada máis luminosa: as salvas dos canóns do sublevado Aurora sinalábanlle o camiño a unhas masas revolucionarias que ousaron desafiar de igual a igual os seus supostos superiores naturais, derrotándoos co asalto ao Palacio de Inverno como punto de eclosión dun sendeiro de liberdade que ía ser escrito na Historia. O vello mundo burgués sentiu a sacudidura incesante durante un século aciago para a súa existencia: os pobos asiáticos e africanos asoballados polo xugo colonial e feudal tamén se sentiron interpelados pola chamada a liñas que significou Outubro, e a clase obreira mundial respostou á ofensiva baixo a xerencia dun impoñente movemento revolucionario. Porén, este legado vivo da nosa clase pretende ser reducido, unha centuria despois, e desde hai demasiadas décadas, a mero mito fosilizado, rescatábel exclusivamente para evidenciar a súa profunda incomprensión e a súa conseguinte liquidación. A magna obra de 1917 convertida en vulgar manual sindicalista, na enésima escusa para prostrarse ante a loita de resistencia que cadre! Pola contra, os comunistas revolucionarios negámonos, e negarémonos, a ignorar as tarefas que nos impón a nosa posición de avanzada, aquelas demostradas enteiramente posíbeis polos camaradas bolxeviques: a saber, levantar o Partido Comunista como única garantía de triunfo, e a Revolución Proletaria como referencia política a conquistar.

Outubro tamén podería semellar un horizonte quimérico na Rusia tsarista de principios do século XX, pero a vangarda proletaria atreveuse a subvertir o lineal e reprodutor decurso da sociedade de clases. A República capitalista, xurdida de entre as cinzas do aparato feudal derrocado polas masas revolucionarias, continuaba o sacrificio do pobo nas frontes bélicas da súa guerra de rapina imperialista. Os Soviets, temperados á calor da heroica loita contra o Imperio Ruso en 1905 e exemplo de verdadeiros focos de poder armado de masas, eran a potencia que permitía albiscar a capacidade transformadora do proletariado. Mais este estado de cousas non conducía inevitábel e espontaneamente aos dez días que estremeceron o mundo: o concurso do Partido Bolxevique foi o único aval que permitiu a apertura do horizonte da Revolución Socialista.

A eterna e oportunista espera do momento axeitado á que nos ten acostumados o revisionismo nunca foi unha opción para os revolucionarios rusos: décadas de sostida loita e clarificación ideolóxica permitiron a progresiva elaboración dun marxismo capaz de cicelar un Partido guiado e constituído desde a conciencia revolucionaria, disposto, agora si, para enfrontar os retos de intervir a gran escala na convulsa sociedade rusa. O período que transcorre entre Febreiro e Outubro de 1917 é o da transformación progresiva dos Soviets de correas de suxeición e sanción do Goberno Provisional en auténticos órganos de dirección e execución da Ditadura do Proletariado. A inercia natural dos Soviets colocábaos de facto baixo os designios da reacción, pero a acción revolucionaria do Partido Bolxevique logrou arrincarlle a súa hexemonía de mans da burguesía, demostrando no terreo do enfrontamento entre os dous poderes de clase a xusteza das súas teses.

A fábula insurreccionalista construída polos burócratas obreiros, amantes da política posíbel dentro dos límites do inefábel mundo burgués, non soporta a realidade dos feitos: a Revolución Rusa non tivo como factor último determinante o espontáneo malestar das masas explotadas, a gris habitude dunha sociedade podre. Mentres que o menchevique ─o groso do Movemento Comunista dos nosos tempos─ cinguía o hábito clerical e se convertía en pedra agardando unha suposta revolución ─acumulación espontánea de forzas mediante─, os bolxeviques construían os instrumentos necesarios ─Partido, Exército e Estado─ para romper o esquematismo economicista e converter en realidade o que só era posíbel a través da actividade consciente.

Hoxe, a nosa herdanza como clase revolucionaria chama a situarnos de novo ao nivel dos nosos fitos. O labor inmediato debe ser recuperar o marxismo como faro de vangarda da transformación do mundo; isto é, reconstituílo ideoloxicamente á luz da experiencia do Ciclo de Outubro e do seu Balance, incorporando as ensinanzas universais da práctica proletaria á teoría revolucionaria a través da loita de dúas liñas contra o revisionismo. Este proceso actualmente pasa pola construción do referente político da vangarda marxista-leninista no camiño cara a reconstitución do Partido Comunistafusión efectiva de vangarda e masas─, que permita, desenvolvendo Guerra Popular, desbrozar decididamente o traxecto cara o noso obxectivo: relanzar a Revolución Proletaria Mundial como única esperanza para os desposuídos da terra. Outubro ofrenda un inesgotábel manancial de ricas ensinanzas neste sentido, ademais de múltiples refutacións prácticas do impotente imaxinario revisionista, a condición de comprender que "o mellor modo de celebrar o aniversario dunha revolución é concentrar a atención nos seus problemas non resoltos" (Lenin).



Viva o centenario da Gran Revolución Socialista de Outubro!

Pola reconstitución ideolóxica e política do comunismo!