Toda a maquinaria institucional, política e mediática da ditadura da burguesía está de novo perfectamente engraxada e preparada para recibir outra democrática dose de farsa electoral; as urnas prepáranse como as vías intravenosas dun paciente decaído, e as papeletas representan aquí o papel do soro que, así o cren realmente, purifica a sangue das formacións sociais capitalistas. A clase dominante convoca unha vez máis a propios e a estraños —a burgueses e a proletarios— a concorrer con ánimo festivo aos que, esta vez si —segundo os representantes políticos de vontade servizal e dilixente—, serán os definitivos comicios do cambio.
Pero tantos cambios —o sensato, o real, o que une, o único posíbel, etc.— foron propostos e defendidos nos últimos tempos que a política burguesa española está ao borde de converterse nunha redución ao absurdo de si mesma. E é que a pesar do sempre voluptuoso despregue de medios que fan os explotadores en cada festa democrática, en cada lilaina electoreira, non podemos deixar de percibir nesta ocasión uns ánimos de perfil baixo entre os nosos inimigos de clase, case como se eles mesmos estiveran efectivamente cansos —e temeran cansar aos desposuídos— dos primitivos rituais dos que a súa clase se dotou para a xestión dun mundo que fai moito deixou de necesitalos. Pois, en realidade, como se viu durante os últimos meses de inestabilidade e indecisión política, o Estado capitalista español é —e todos os demais son— unha maquinaria o suficientemente autómata —tanto como o proceso mesmo de produción de mercadorías— como para funcionar en modo de piloto automático, cun goberno en funcións e un rumbo inquebrantábel: a extracción de plusvalía e a orde pública, é dicir, a xestión do anaco de pastel de explotación e opresión que corresponde a “nosa” burguesía.
Non obstante, dado que a plusvalía non só se extrae senón que tamén se distribúe entre fraccións burguesas a través do aparato estatal —pois a clase capitalista non é nin de lonxe unha clase homoxénea na súa composición interna, á marxe da súa comunidade esencial de intereses—, a ausencia de Goberno e a atmosfera de profunda incerteza que reina no actual proscenio da política burguesa supoñen un grave problema para todos os que, obsequiosos até a náusea, invítannos a formar parte da súa farsa o 26-X. Resulta meridianamente claro que na presente conxuntura ningunha fracción da burguesía que integra o Estado español foi capaz de facerse cunha hexemonía política noutra época tan facilmente conquistábel grazas ao sistema de quendas, amplamente deostado nos nosos días ante a emerxencia de novas forzas políticas rexeneradoras. Polo contrario, a comparecencia destes novos partidos —que viñan a intentar suturar a profunda crise de representatividade aberta a partir do 15-M— deveu nunha grave crise política ao non encontrar —aínda— un encaixe coherente, que satisfaga aos obxectivamente interesados na política burguesa, con respecto aos vellos pero aínda imprescindíbeis partidos que aseguraban sen sobresaltos a continuidade do réxime. De calquera xeito, para desgraza dos nosos explotadores, a encrucillada na que se atopan non parece ter unha fácil escapatoria. Calquera das posíbeis saídas que se empezan a esbozar só agravarían a presente crise, polo que este estado de bloqueo ou parálise parece a opción menos mala que o noso inimigo encontrou, ou polo menos a forma máis sinxela de gañar tempo agardando a que algo —e a historia non é especialmente promisoria a este respecto!— os saque do pantano que é esta nova versión da Crise da Restauración. Mostra do mesmo é a situación do PSOE —ao que sempre identificamos como o verdadeiro partido de Estado—, asomado con terror á posibilidade nada desprezábel do sorpasso por parte da socialdemocracia rediviva, encarnada en Podemos. O simple feito da súa existencia como magnitude política capaz de encadrar —e reencadrar— masas no Estado burgués revela xa a súa función histórica como nova socialdemocracia, como expresión da patética política das clases medias —aristocracia obreira e pequena burguesía— medorentas da súa inevitábel proletarización. Pero indagar nun nivel máis fondo permítenos avistar as contradicións que roen a actual configuración do Estado español: mentres o partido de Estado —o PSOE— se desangra electoralmente a ambos lados do espectro político concibíbel pola burguesía, os poderes que o elevaron a tal posición empúxano a pactar con Ciudadanos; polo contrario, a súa base social impúlsao a entenderse con Podemos. Así as cousas, fágase o que se faga en materia de pactos de goberno ou investidura, o arranxo ao que se chegue será, con toda seguridade, un parche temporal que terminará por desprenderse da materia á que pretendía remendar, demostrando que a crise política do Estado español será, ademais de profunda, previsibelmente duradeira. Pois, ademais ou incluso antes da problemática da representatividade e os equilibrios entre fraccións burguesas, a cuestión nacional catalá segue sendo, como xa o foi na primeira Restauración, un vector esencial —se non o fundamental— da mencionada crise. E tampouco aquí os respectivos representantes de cada fracción burguesa en pugna parecen capaces de encontrar unha saída sensata pois, a pesar da languidez da burguesía nacionalista catalá —que se demostrou insolvente, como era de prever, á hora de executar o mandato democrático que a súa nación emitiu—, a cerrazón miope da reacción española imposibilita calquera avance que veña a desencalar unha situación que, se ben pode dar determinados réditos electorais a partidos con pouca visión de Estado, supón obxectivamente un factor de inestabilidade que ningún capitalista español desexaría prolongar. Pero o proletariado revolucionario xa compareceu ante esta problemática reivindicando a súa inapelábel vontade internacionalista e a súa defensa inquebrantábel e radical do dereito de autodeterminación[1]. Que probe agora o oportunismo patrio a relexitimar a suxeición de Catalunya a España, pois quizais sexa a única ofrenda que o seu miserábel partido poida ofrecer ao capital financeiro español para seducilo... antes de que a nosa clase barra a uns e a outros da superficie da terra!
Mentres tanto a maioría do espectro comunista segue expectante o normal e aburrido curso da democracia como un paciente escruta o seu televisor na cama dun clínico: por momentos indignado coa nefasta oferta, pouco sedutora, que ve desfilar ante os seus ollos cada catro anos (aínda que ultimamente, maldita sexa a democracia burguesa!, con maior frecuencia); noutras ocasións cheo de rabia, espetando ao televisor que el podería facelo mellor se o deixasen. O primeiro caso é o das organizacións revisionistas que non por non concorrer ás eleccións están menos presas da lóxica parlamentaria, da que dependen en última instancia; o segundo, o dos partidos que se suman gustosos ao circo electoral, como os sempre dispostos PCPE o PTD, selecto club ao que se sumou desde o 20-D, con toda desvergonza, o PCOE, cuxo lema de campaña, ao nivel desta organización revisionista, é un irrisorio “o golpe ao capitalismo onde máis lles doe”. Esquecemos que as revolucións proletarias sucedéronse a golpe de papeleta!
De calquera xeito, tomen a forma que tomen as miserias do mundo do capital e os despropósitos dos revisionistas —en total bancarrota pola irrupción de Podemos—, á marxe das determinacións da política burguesa e desde posicións independentes, crece e afiánzase o espazo ideolóxico —e cada vez máis un espazo político tamén— da Reconstitución. O conxunto da vangarda teórica (os sectores do proletariado que se interrogan de maneira honesta polos requirimentos da superación histórica do capitalismo) vai comprobando como só o Movemento pola Reconstitución articula coherentemente a cosmovisión marxista con un actuar político acorde aos seus principios; como só a reconstitución ideolóxica do comunismo, a través do Balance do Ciclo de Outubro desenvolvido en loita de dúas liñas, pode facer seguir avanzando as posicións do marxismo-leninismo entre as nosas masas; como esta reconstitución ideolóxica do comunismo, é dicir, a hexemonización do comunismo revolucionario no seo da vangarda teórica, pode posibilitar a reconstitución efectiva do Partido Comunista en tanto suxeito revolucionario, é dicir, como fusión obxectiva de vangarda e masas e non como a unión intersubxectiva, tan voluntariosa como inútil, de activistas e abnegados comunistas; así, en definitiva, os sectores avanzados do proletariado entenden cada vez mellor e en maior número como só o Plan de Reconstitución que o noso Movemento arbora, defende e aplica abre un horizonte esperanzador para os oprimidos do mundo, sinalando a necesidade da Guerra Popular como continuación da política proletaria por outros medios cando a fase de preparación da revolución (Reconstitución) cumprimente os seus obxectivos estratéxicos.
Así pois, sostemos unha vez máis —e farémolo cantas sexan necesarias— a consigna do boicot para a presente cita electoral e cantas veñan no futuro, polo menos mentres transitemos pola fase de reconstitución ideolóxica, pois resulta inobxectábel que a vangarda marxista-leninista está lonxe de poder utilizar os resortes parlamentarios como panca para a articulación do movemento revolucionario (cousa posíbel só na etapa de conquista da vangarda práctica, é dicir, de fusión da vangarda revolucionaria cos sectores máis avanzados das masas). Polo tanto reivindicamos o boicot como a única consigna xusta, desde o punto de vista do proletariado revolucionario, ante as eleccións do 26-X, e pomos en valor o seu significado estratéxico fronte á languidez, ambigüidade e claudicación do conxunto das forzas do revisionismo, sempre dispostas a pasar polo aro do electoralismo e o parlamentarismo se a recompensa satisfai as súas acomodaticias mentes de burgués.
Ante a farsa electoral, boicot!
Nin un voto obreiro nas urnas!
Pola reconstitución ideolóxica e política do comunismo!
Guerra popular até o Comunismo!