A propósito do Día da Clase Obreira Galega*


Non podemos dicir que esteamos nun período calmo da loita de clases no Estado español, e o pasado ano 2017 estivo repleto de acontecementos que o proban. Sen dúbida, o principal deles foi o sucedido en torno á cuestión nacional catalá, que, se algo nos deixou, foron as ensinanzas que os comunistas podemos extraer dela. Ao redor do 1-O e os días que lle seguiron acudimos a unha das máis impresionantes mobilizacións de masas —naturalmente espontánea, ante a ausencia de suxeito revolucionario— que se viron no Estado español nas últimas décadas, e que acadou tal grao que o chauvinismo español lembrará durante algunhas máis a derrota política que sufriu o seu benquerido Estado. Porén, semella que o groso do Movemento Comunista (MC), lonxe de pretender tirar esas leccións que mencionabamos deste movemento espontáneo de masas, está máis predisposto a se posicionar a unha ou a outra beira da outra cara da moeda: a da burguesía. Vimos como o acontecido nesas intensas xornadas serviu para destapar —por se é que quedaba algunha dúbida— a máis dunha organización no seo do MC que non tivo reparos para posicionarse co chauvinismo español de gran nación, opóndose abertamente á execución da democracia, isto é, á realización do dereito da nación oprimida á separación e a dotarse dun Estado de seu. Mais ao resto do revisionismo tampouco lle importou demasiado situarse como defensores desa outra burguesía menos reaccionaria, dos dirixentes pequenoburgueses do movemento catalán (que, curiosamente e como se viu máis tarde, acabaron por claudicar ante o cretinismo parlamentario. Que se lle vai facer, outra vez será!, exclamarán todos eles). Por iso, ante o nacionalismo pequenoburgués de nación oprimida e belixerantes contra toda concesión ao chauvinismo de gran nación, este xa sen traza democrática ningunha e abertamente reaccionario e embrutecedor, os comunistas propomos o internacionalismo proletario: contra a consigna nacionalista de independencia e socialismo, o proletariado revolucionario non pode facer outra cousa que defender a consigna comunismo e autodeterminación.

Ademais disto, a (case) ninguén se lle esqueceu o outro gran acontecemento deste pasado ano: o centenario da Gran Revolución Socialista de Outubro. Aos marxistas-leninistas non só nos serviu como unha data máis a celebrar, senón que a utilizamos para extraer leccións diso que se conmemora: a irrupción do suxeito revolucionario na historia. Mais, como non podía ser doutro xeito, para o revisionismo e para a burguesía en xeral, Outubro foi algo moi distinto. Estes oportunistas non ven (ou mellor dito, non queren ver, ocultan) o que permitiu que a Revolución de Outubro fose o que foi: as longas décadas de loita ideolóxica que guiaron la constitución do Partido Bolxevique. É normal, por tanto, que os que pechan os ollos ante o que precedeu á Revolución de Outubro non os abran tampouco ante o que debe preceder o comezo do vindeiro Ciclo da Revolución Proletaria Mundial. Temos, así, á práctica totalidade do MC agardando polo momento en que as masas se ergan espontaneamente e rachen con todo o estabelecido dunha vez por si mesmas, sen comprender que se foi posíbel que o proletariado ruso de 1917 iniciase a senda do socialismo foi grazas á acción do Partido Bolxevique. Mentres o revisionismo agarda a que un día destes chegue a Revolución, ocúpase de pedirlle ao Estado máis reformas, mellor vida para os obreiros, é dicir, de reproducir as condicións do proletariado en canto que proletariado, de levar a cabo unha práctica sindicalista. Os comunistas revolucionarios, en cambio, sabemos que, seguindo a experiencia de Lenin e da Revolución de Outubro, a conciencia de clase revolucionaria se introduce desde fóra do movemento espontáneo de masas, desde a fusión dese movemento coa súa vangarda unha vez que esta reconstitúe a ideoloxía proletaria. O sindicalismo foi un momento necesario no desenvolvemento do proletariado como clase, mais este queda obsoleto cando aparece na historia a forma superior de organización proletaria, o Partido Comunista.

Entre esta incapacidade do revisionismo para aprender das experiencias revolucionarias do pasado e, en consecuencia, para saber enxergar os problemas do presente co fin de articular un plan cara ao futuro, é onde se atopa o marxismo dos nosos días. E que mellor día que hoxe, o Día da Clase Obreira Galega, 46 anos despois do asasinato de Amador e Daniel a mans da policía franquista, para confrontar coa vangarda galega e do resto do Estado sobre cales son eses problemas que hoxe nos ocupan aos comunistas? Se o Partido de Lenin foi quen de iniciar esa Revolución que deu comezo ao Ciclo de Outubro foi porque a vangarda proletaria asimilara para si toda a experiencia revolucionaria anterior a ela. E é por aí por onde debemos comezar: polo Balance do Ciclo de Outubro, pois o marxismo non é outra cousa que a síntese da máis elevada práctica revolucionaria acadada pola humanidade. Precisamos, pois, da reconstitución da ideoloxía proletaria, de depurala dos elementos tácticos que, durante o Ciclo, pasaron a formar parte do corpo ideolóxico do marxismo converténdose, moitas veces, en supostos principios do mesmo, e que hoxe o revisionismo defende a capa e espada. Este exercicio colectivo de Balance en loita de dúas liñas contra o revisionismo é xa o motor de articulación político-organizativa dun movemento de vangarda marxista-leninista existente, e continúa a ser a tarefa máis inmediata e urxente para os comunistas.


Viva o internacionalismo proletario!

Pola reconstitución ideolóxica e política do comunismo!







Notas: