A bancarrota do revisionismo e as tarefas dos comunistas


A creación e divulgación dunha teoría revolucionaria desempeña o papel principal e decisivo en determinados momentos, referíndose aos cales dixo Lenin: "Sen teoría revolucionaria, non pode haber tampouco movemento revolucionario."
Mao

Os anos pasan, pero o conxunto de correntes que se reclaman da tradición revolucionaria no movemento obreiro teiman en seguir representando os seus arcaicos rituais. Tal é así que no medio da crise que segue a profundizarse no Estado español, estas correntes, desde o anarquismo á ortodoxia revisionista que domina o movemento comunista, seguen a esperar que a ofensiva do capital xere como reacción unha faísca que erga ás masas até derrubar ao capital. Mais o seu gozo nun pozo, pois a crise vai camiño da década e as movilizacións de clase dos últimos anos non supuxeron o que o determinismo e o espontaneísmo político prevían, a agudización da loita de clases desde o punto de vista dos intereses do proletariado. Moi pola contra, é o escurantismo nacionalista, sempre á alza cando o suxeito revolucionario se atopa en repregamento, o que si está logrando enraizar entre as masas proletarias.

Aínda que non todo segue igual no que respecta aos aduladores da conciencia espontánea do obreiro medio. A súa bancarrota política agrávase, porque á súa incapacidade para redirixir o movemento espontáneo da clase cara a algún programa mínimo, uniuse o ascenso dunha renacente socialdemocracia que verberou nas rúas os esquemas do revisionista típico, que, ensimesmado nas súas propostas de unidade práctica sindical, viu como o movemento de masas o desbordaba e un oportunismo máis requintado que o seu se convertía, a través de Podemos, en catalizador das demandas do movemento de resistencia. Os dirixentes desta “nova” socialdemocracia pasaron da cátedra ao escano, mediando neste percorrido a conquista da rúa a través da construción dun discurso político á altura dos tempos. Porque efectivamente, co peche do Ciclo de Outubro, desprazado o marxismo como teoría de vangarda e desterrada a revolución do horizonte dun proletariado escindido como clase, o que máis se axeita ao estado de cousas existente é un discurso timorato, reformista e pequenoburgués. E non pode abraiar a ninguén a facilidade coa que o discurso deste novo partido de Estado prendeu na rúa á vez que se imbricou coas institucións do capital, pois sendo os seus líderes inimigos declarados do marxismo e desterrando ao proletariado como suxeito revolucionario, os novos reformistas non puideron máis que ensamblar nun programa as diversas esferas corporativas de reprodución do mundo capitalista (ao mesmo estilo que o obreirismo), servíndonos como suxeito político desde o que parece que si se pode articular un movemento alternativo ao capitalismo, como se se tratase dunha novidade histórica... ao cidadán burgués e os seus dereitos! Non obstante, o comunismo existente leva moitos anos sendo consecuente con esta mesma fórmula teórica, respectando o seu contido reaccionario. A diferenza estriba na súa expresión política, pois o revisionismo conténtase con resistir á sombra da tradición obreira, mentres os teóricos da esquerda posmoderna deron unha aparencia máis liberal ao seu discurso, o suficiente para acompasar ideoloxicamente a estes escuros tempos a claudicación ante a orde hexemónica que sempre representou o reformismo en todas as súas variábeis.

Neste contexto, os comunistas debemos considerar en primeiro termo o impasse no que se encontra a Revolución Proletaria Mundial (RPM), marcado polo pechamento do ciclo revolucionario que se inicia coa Revolución de Outubro. Este período caracterízase, sucintamente, porque o proletariado se acha incapacitado para incidir na gran loita de clases como suxeito independente. Esta circunstancia, de profundo calado histórico, impele antes de nada ao sector de avanzada da nosa clase, á vangarda, non a tomar acriticamente ou a desprezar toda a bagaxe acumulada pola RPM, como fan revisionistas e oportunistas de toda caste, senón a consideralo criticamente, actualizando o que de universal hai nel. E é que o desprazamento do marxismo como teoría de vangarda é o primeiro dique que impide ao proletariado aparecer na escena da gran loita de clases como unha clase revolucionaria. En consecuencia, a actividade práctica á que hoxe debe asirse a vangarda proletaria está ligada á resolución das problemáticas de construción do movemento revolucionario. Isto implica toda unha fase da revolución proletaria que denominamos de reconstitución ideolóxica e política do comunismo, que na súa primera etapa debe resolverse sobre o Balance do Ciclo de Outubro desde a loita de dúas liñas no seo da vangarda, isto é, desde o desenvolvemento da loita de clases a nivel ideolóxico e en relación coas leccións da experiencia revolucionaria acumulada no anterior ciclo, sendo eixo fundamental para a construción do movemento revolucionario de vangarda. Só se os comunistas emprenden estas tarefas pode o marxismo articularse como discurso teórico e político, para conquistar a súa hexemonía entre sectores cada vez máis amplos da clase proletaria, até cristalizar na fusión da vangarda e as masas en Partido Comunista. Será entón cando a actividade subxectiva do proletariado se torne en praxe revolucionaria, en panca de transformación do vello Mundo, que inmediatamente ha tomar a forma de Guerra Popular, en tanto instrumento universal para a construción do poder por parte da clase revolucionaria e para o estabelecemento da Ditadura do Proletariado, co obxectivo de facer ondear a bandeira vermella fronte ao imperialismo, servindo de base de apoio na vindeira onda da RPM na senda do Comunismo.

Este sinxelo camiño difícil de realizar é o único que sitúa o porvir da Revolución na actividade subxectiva da vangarda revolucionaria, fronte ao determinismo e o espontaneísmo revisionista, porque garante unha liña de continuidade entre movemento e obxectivo, entre teoría e práctica, situando a conciencia revolucionaria ao mando e rompendo coas inercias desta profunda derrota que reduciu ao movemento comunista, que debe ser o movemento autoconsciente da clase revolucionaria, a un programa mínimo, que non é senón a sublimación posibilista de todo o que temporalmente perdeu a RPM, e que neste interregno entre dous ciclos revolucionarios nos toca recuperar levantando, defendendo e aplicando a reconstitución do comunismo.



Pola reconstitución ideolóxica e política do comunismo!

Contra o capital e as súas crises, pola Revolución Socialista!