Palestina e a solidariedade internacionalista.

A un ano do 7 de outubro, o xenocidio palestino converteuse nunha imaxe cotiá máis do que o imperialismo ten que ofrecer á humanidade. Fronte a esta barbarie, todo obreiro consciente ten que preguntarse cal é o seu papel coa liberación palestina, que supón a solidariedade internacionalista. Neste tempo xurdiu un movemento solidario hexemonizado polas concepcións socialpacifistas baseado en presionar aos Estados imperialistas, apelando a eles como interlocutores lexítimos para resolver a cuestión palestina, o que consecuentemente leva ao legalismo e o posibilismo. Unha lóxica pragmática que remata por coludir coa falsa solución dos dous Estados, esa coexistencia pacífica que recentemente defendeu Sánchez no seu encontro co carcereiro Mahmoud Abás. A complicidade de ambos co exterminio palestino non expresa senón o significado real dese programa. Porque a natureza da opresión colonial que exerce Israel fai a súa mesma existencia incompatible coa emancipación nacional palestina, refutando toda ilusión dunha resolución pacífica do conflito.

O Estado sionista é un baluarte da reacción a nivel mundial, indisociable dos intereses da burguesía monopolista occidental. Actuando como correa de transmisión de Estados Unidos en Oriente Medio, enxerta-se sobre Palestina coma un parasito, colonizando o territorio baixo un plan de exterminio. Como elo insubstituíble da cadea imperialista, o seu carácter reaccionario ten aínda máis proxección, reforzando a súa estrutura económico-militar, como exemplifican os Acordos de Abraham. O Estado español non queda fóra deste tipo de pactos entre caníbales, cooperando cos servizos de intelixencia sionistas para beneficio da represión interna e externa. Israel, creado expresamente como liña de defensa do imperialismo, sérvese da guerra de exterminio contra os pobos, como amosa a nova fase da guerra cara o Líbano. Non é casual como a reacción máis ultra saúda ao sionismo, pois a súa ideoloxía étnico-nacionalista acirra o racismo ─especialmente o anti-árabe─ sementando a desconfianza entre os pobos e a discordia entre os explotados. Porén, no medio deste océano de reacción, a loita palestina rememora poderosas leccións para o combate anti-imperialista.

O movemento de liberación nacional palestino, nesta época de impasse entre dous Ciclos da Revolución Proletaria Mundial (RPM), lémbranos que pese a todo, o imperialismo é un tigre de papel que pode ser derrotado militarmente. Fronte á superioridade tecnolóxica das forzas israelís, unha liña política capaz de mobilizar masas pode anegar as súas defensas e resistir, como proban respectivamente o 7 de outubro e a insurxencia mantida fronte ao terrorismo sionista. Isto é expresión particular dun principio máis xeral da loita de clases: que toda clase precisa dunha liña militar para defender os seus intereses e obxectivos. Ningún movemento de corte emancipatorio pode esquecer isto. A heroicidade das masas obreiras e campesiñas palestinas en loita contra o fascismo sionista inscríbese nas xestas dos pobos oprimidos da historia; porén, o carácter burgués do movemento de liberación nacional palestino presenta límites obxectivos na súa xusta loita pola autodeterminación, porque as condicións particulares da opresión nacional, coa metrópole colonial implantada sobre o seu territorio, exixen destruír militarmente o Estado sionista. E para a consecución deste programa, o movemento debe partir dunhas premisas diferentes ás que hoxe son hexemónicas naquelas terras, debe asentarse nunha liña política internacionalista independente, pois a cuestión palestina ten coma único horizonte realista para a súa verdadeira resolución a revolución de novo tipo dirixida polo proletariado. A condición desta revolución é a creación do Partido Comunista, que apoiándose nas clases oprimidas polo imperialismo desenvolva unha liña de Guerra Popular para a destrución do Estado sionista e a construción das bases de apoio dunha república democrática, unitaria e internacionalista dende o río ata o mar.

Porén, non é posible a transformación directa e inmediata da resistencia nacional en guerra revolucionaria. A pregunta que se nos formula entón é: que podemos facer dende aquí para que aquel horizonte sexa unha realidade? En que se traduce a verdadeira solidariedade proletaria coas masas esmagadas polo imperialismo en Oriente Próximo? Se non hai continuidade entre resistencia e revolución, o verdadeiro internacionalismo require de nós que contribuamos á creación dun movemento revolucionario internacionalista, cuxa primeira pedra é a reconstitución do comunismo. Décadas de liquidación da conciencia revolucionaria do proletariado anularon a súa capacidade de actuar como suxeito independente, poñendo fin ao Ciclo de Outubro. Esta liquidación dáse a nivel histórico, xeral, internacional, de modo que superar o estado de subordinación do proletariado require extraer as leccións universais da súa experiencia mediante o Balance do Ciclo. Dito doutro modo, o primeiro requisito de toda empresa revolucionaria dirixida polo proletariado, incluída a liberación nacional palestina efectiva, é reconstituír a cosmovisión revolucionaria da nosa clase e a Liña Xeral da RPM. Polo tanto, reconstituír o comunismo é o mellor exercicio de solidariedade internacionalista que podemos ter co pobo palestino e é dende esta perspectiva que podemos integrar as leccións da súa heroica loita contra o imperialismo, así como colaborar á súa defensa e promoción. E neste proceso é indispensable a loita de dúas liñas contra o socialchovinismo, o socialpacifismo e toda outra forma de reformismo no movemento obreiro, pois todas elas son parte do muro que obstaculiza a liberación nacional palestina.

Abaixo o Estado sionista!

Viva o movemento de liberación nacional palestino!

Impulsemos o internacionalismo proletario!

Comité pola Reconstitución

27 de setembro de 2024