A 100 anos da morte de Lenin, reconstituír o comunismo!

“Non hai lugar para máis ilusións de paz”, a guerra non é imposíbel, alerta xa sen disimulo Ursula von der Leyen, representando os líderes da burguesía occidental. Atrás quedaron os bucólicos días en que o xardín europeo se podía dar o luxo hipócrita do pacifismo, para o que as guerras son sempre algo afastado, propio do mundo non civilizado. “Rearme, rearme!”, corean ao unísono os voceiros da burguesía imperialista de todas as cores políticas. O triunfalismo da orde liberal internacional após a derrota do inimigo histórico comunista esvaeceu de todo, e amosoulle que a súa hexemonía só pode ser mantida tal e como foi gañada: cunha Guerra Total, sobre millóns de cadáveres. “A Democracia necesítate!”, lerase axiña nos paneis publicitarios de todas as capitais europeas. O proletariado volverá poñer, como sempre, a súa forza de traballo para se inmolar no altar dos intereses do capital. A situación podería semellar idéntica a aqueles anos que antecederon a 1914, cando estoupou a primeira gran carnizaría para o reparto do mundo entre rapaces imperialistas; hai, non obstante, un grande esquecido. Onde está aquel proletariado independente que podía presentar unha alternativa –a única posíbel– ao preto futuro que lles agardaba aos explotados nas trincheiras imperialistas? Mellor dito, onde están os comunistas para volver facer pensábel esta posibilidade?

Xusto hai un século deixábanos o revolucionario que consagrou a súa vida a abrir a alternativa real que existía para os oprimidos, demostrando que á guerra imperialista se lle podía opoñer a guerra civil revolucionaria. Hoxe, no medio desta época de derrota histórica do comunismo, que o incapacita para representar ningún tipo de saída inmediata á barbarie capitalista, o mellor modo de render homenaxe a Lenin é retomar esta suxestión súa: “A mellor maneira de conmemorar o aniversario da Gran Revolución é concentrar a atención nas tarefas que esta aínda non resolveu”. Se somos comunistas, rememorar a Lenin non se pode separar da recuperación do seu espírito revolucionario, nin de nos preguntar pola maneira de preparar hoxe a revolución proletaria no Estado español, como unha base de apoio para a reactivación da Revolución Proletaria Mundial. E hoxe esta preparación pasa ineludibelmente por recuperar, en primeiro lugar, a posición independente do proletariado revolucionario fronte a guerra imperialista: o internacionalismo proletario aplicado como derrotismo revolucionario.

Á guerra entre dous bloques imperialistas que xa leva máis de dous anos ruxindo en Ucraína, aproveitada pola “nosa” clase dominante para o disciplinamento social e o peche de filas en torno ao seu programa imperialista, e intentando inflixir unha humillante derrota ao imperialismo ruso que tenta as súas reservas de recorrer á resposta nuclear, veuse sumar unha nova fronte para o bloque euroatlántico en Oriente Medio. O pobo palestino volveu dar un exemplo da súa heroica fortaleza, librando unha auténtica guerra de resistencia nacional contra o Estado sionista, puntal insubstituíbel dos intereses do imperialismo occidental na rexión. Con todo, a súa loita non deixa de estar dirixida pola pequena burguesía radical, que coa súa desconfianza na guerra de masas condena a meirande parte de palestinos a ser meros seres sufrintes –única forma en que son aceptábeis para a burguesía occidental, incluído o revisionismo e nacionalismo de toda pelaxe– do xenocidio televisado, o cal continúa coa colaboración activa de Occidente e contra o que non serven nin as declaracións timoratas nin as demandas pacifistas do revisionismo. Pois o movemento comunista teima na crenza nas loitas de resistencia como semente da revolución, como se a crise mundial que se segue agravando ao seu redor non dese mostras abondo da impotencia dos seus invariábeis mantras e clixés. Por moito que se intente vestir con novísima seda de verbosidade obreira, reformismo queda. Mentres, o socialchovinismo desamordazado segue conquistando o baleiro deixado no movemento obreiro pola esterilidade de formas máis politicamente correctas de revisionismo. E é que o que hoxe son berros contra a inmigración, non tardarán en ser chamados á defensa da patria na guerra imperialista, a favor da “propia” burguesía e contra calquera actor que se lle ouse opoñer. Uns e outros defenden, ao seu xeito, o programa imperialista da burguesía. Lenin xa nos amosou, de feito, que oportunismo e socialchovinismo teñen o mesmo “contido político”, como dúas facianas da mesma moeda pútrida do imperialismo. E, sobre todo, que o socialchovinismo é a forma máis madura de oportunismo, “a súa continuación directa e a súa culminación”.

Neste contexto, os comunistas debemos brandir o espírito da derrota do “noso” propio goberno, do “noso” propio bloque imperialista. Só así podemos vencellar a oposición frontal á matanza imperialista co horizonte emancipador da revolución proletaria, como primeira pasada para recuperar a súa posibilidade. Isto, irrealizábel de forma inmediata, require cumprir antes coas condicións que permitan que o marxismo volva ser unha teoría de vangarda, disputando a referencia do revisionismo dentro dos sectores máis avanzados da clase. Completada esta fase de reconstitución ideolóxica, poderemos avanzar cara a conquista do sector destacado nas loitas da nosa clase, é dicir, cara a fusión entre o socialismo científico e o movemento obreiro que é o Partido Comunista, isto é, cara a reconstitución política do comunismo. Daquela si, como Lenin e os bolxeviques fixeron no medio da Gran Guerra, o proletariado poderá xirar as súas armas contra os “seus” gobernos, desatando a Guerra Popular contra a guerra imperialista, e abrindo o segundo ciclo da Revolución Proletaria Mundial.

Non á guerra imperialista! Abaixo a OTAN e o Estado español!

Pola reconstitución ideolóxica e política do comunismo!

Comité pola Reconstitución

Primeiro de Maio de 2024